o proxecto
Unha ponte entre xeracións a través da lingua galega
A lingua evoluciona, adáptase e reinvéntase. Este proxecto educativo quere mostrar precisamente esa vitalidade.
Que é Galego para boomers?
Galego para boomers é un proxecto que nace coa idea de tender pontes entre xeracións a través do galego.
A cultura dixital introduciu centos de palabras e expresións que as novas xeracións usan acotío, mais que moitas veces resultan alleas para quen non vive tan mergullado en Internet, nas redes sociais ou nos videoxogos. A partir desa realidade, o alumnado transforma ese argot xuvenil en galego e xéranse dúas liñas de traballo:
Dicionario galego para boomers
Un glosario de termos actuais explicados en galego, con definicións claras, exemplos e notas sobre a súa orixe e o seu uso.
Refráns do século XXI
Ditos e expresións populares galegos adaptados ao mundo dixital. Porque a sabedoría dos nosos avós tamén ten cabida en Internet.
O noso obxectivo é explicar de forma clara e divertida os neoloxismos máis actuais, adaptándoos ao galego e facendo que todo o mundo poida entendelos.
Como xurdiu o proxecto?
A historia detrás de Galego para Boomers
2020-2021
O comezo
O Dicionario galego para boomers naceu como un proxecto educativo no IES Leiras Pulpeiro de Lugo, impulsado pola profesora de Lingua e Literatura Galegas Noemí García xunto co alumnado de 1º da ESO.
A idea
Invertendo os roles
O proxecto xorde coa vontade de implicar o alumnado no uso activo do galego. A premisa é que sexa a mocidade quen explique a súa lingua, os seus códigos e o seu mundo aos boomers, reforzando así a autoestima lingüística do alumnado.
Expansión
Máis alá da aula
A proposta expandiuse posteriormente a outros centros de ensino e continúa vivo nos centros educativos nos que a docente traballa na actualidade. Púxose en marcha unha conta de Instagram para dar visibilidade ao proxecto.
Recoñecemento
Premio
O proxecto foi distinguido co premio Mil Primaveras ao mellor proxecto de fomento do galego entre a mocidade.
Coñeces algún neoloxismo que non apareza no dicionario?
Se coñeces algunha palabra que aínda non incluímos, cóntanola e engadirémola ao dicionario.